O Proxecto

Estimado/a veciño/veciña,

Tras a máis que positiva experiencia dos Orzamentos Participativos, os primeiros dunha Deputación en España, nos que máis de 55.000 lucenses –de xeito individual ou como parte de máis de 300 asociacións-, aportáchedes as vosas ideas e propostas, o noso convencemento de que Lugo conta cunha veciñanza que debe ter un papel cada vez máis activo e protagonista é máis firme que nunca.

A nosa intención é, pois, seguir traballando para que todos os lucenses, neste caso a través do tecido asociativo, dispoñades do maior número posible de ferramentas que vos permitan implicarvos do xeito máis directo posible na vida da nosa provincia.

Unha desas ferramentas é AsociaLugo, a primeira web da provincia para asociacións, unha web que será punto de encontro no que dar a coñecer o voso colectivo, poñervos en contacto directo con outros e sacar proveito das vosas experiencias.

Só con rexistrar a vosa asociación nesta web, poderedes dar difusión ás vosas actividades e coñecer as doutras asociacións; intercambiar información de interese; acceder a convocatorias de axudas ou bolsas, etc., de xeito directo, sinxelo e totalmente gratuíto.

Poderedes dar de alta a vosa asociación directamente na web asocialugo.deputacionlugo.org/alta, ou ben presentando no Rexistro da Deputación o formulario que tedes á vosa disposición na citada web.

Aproveito a ocasión para convidarvos á xuntanza que organizaremos proximamente, e na que vos presentaremos máis polo miúdo as numerosas utilidades desta ferramenta gratuíta e a poñeremos á vosa disposición.

Agardamos contar coa vosa presenza.

José Ramón Gómez Besteiro
Presidente da Deputación de Lugo